Saltar ao contido

Carta de presentación da nova Directiva

    Estimadas familias:Como algunhas xa sabedes, o pasado día 6 de novembro, a Asemblea Xeral Extraordinaria da ANPA do IES de Milladoiro elixiu por unanimidade unha nova directiva, constituída por:Presidencia: Belén Carneiro; Vicepresidencia: Rebeca Piñeiro; Secretaría: Manel Oliveira; Tesouraría: Marta Rodríguez; Vocalías: Susana Fernández, Verónica Vargas, Marisa González, Manuel Casal e Fernando Pizarro.
    Queremos darvos de novo as grazas a todos os que nos elixistes. Iniciamos esta nova andaina con gran ilusión, ganas de traballar e de reforzar a imaxe do IES. Na primeira Asemblea Xeral que celebramos como directiva, asumimos o compromiso de manter unha comunicación aberta e fluída coas familias para atender mellor as súas necesidades. Iremos comunicando nesta web os pasos que vaiamos dando para que esteades informadas puntualmente. Animámosvos a que a consultedes con regularidade. O teléfono e o correo electrónico da ANPA están á vosa disposición para atender as vosas inquietudes e necesidades.
    Ademais, tal como informamos, abriremos un diálogo con todos os integrantes da comunidade educativa. Xa nos puxemos a disposición da dirección do centro, para colaborar con eles en todo o que necesiten. Así mesmo, pómonos a disposición de profesorado e alumnado para escoitar en que podemos axudar. As familias son un alicerce esencial no desenvolvemento da vida do centro. Unha colaboración constante, sólida e uniforme pola súa banda contribuirá á consecución de mellores resultados, polo que vos animamos a participar activamente neste novo proxecto.
    Entre os meses de decembro e xaneiro, presentaremos á Asemblea un programa de actividades, co seu orzamento, para planificar o traballo de face aos próximos dous anos. Na súa elaboración, teremos en conta as inquietudes que manifesten a dirección, o profesorado, o Departamento de Orientación, a Coordinadora de Convivencia e, sobre todo, o alumnado.
    A xunta directiva ten unha gran ilusión e fe nesta nova etapa. Esperamos contribuír a que o centro sexa unha referencia na zona e facer da súa diversidade unha característica distintiva e fortalecedora.
    Saúdos cordiais.
    Xunta Directiva da ANPA do IES de Milladoiro (Anpamilla)