Saltar ao contido

Comunicado da ANPA lembrando a prohibición do uso de móbiles no noso IES

    Estimadas familias:

    Logo das novas que saíron na prensa nos últimos días sobre a prohibición dos móbiles nos centros educativos e das reaccións doutras asociacións de pais e nais ao respecto, a ANPA do IES do Milladoiro (“Anpamilla”) quérevos lembrar que no noso IES está prohibido o uso destes dispositivos.

    Dende a ANPA queremos animar ás familias a promover e fomentar o cumprimento desta norma entre os/as seus/súas fillos/as. Somos conscientes de que cada quen ten as súas circunstancias persoais, pero sendo o noso IES un centro ao que a meirande parte do alumnado acode a pé (unha vantaxe da que non desfrutan moitos rapaces de Galicia) e moi próximo ao domicilio, préstase máis se cabe a que deixen os móbiles na casa. Isto podería contribuír a que non se relacione o IES con situacións como a comentada hai semanas sobre os grupos de Whatsapp. Tamén nos chegaron informacións que indican que hai rapaces facendo gravacións de vídeo e audio no IES. Esta práctica pode resultar prexudicial, xa que se trata de gravacións non consentidas nalgúns casos que poderían ocasionar problemas legais para os proxenitores.

    Dende a ANPA estamos a configurar un programa de actividades que inclúe formación sobre o axeitado uso das tecnoloxías, os seus efectos na adolescencia e demais, para que podades decidir mellor como xestionar estes temas en familia.

    As familias comparten a responsabilidade de educar no uso das tecnoloxías co persoal do centro e dende a ANPA contribuiremos a que se cumpra con esa responsabilidade e se respecte e faga cumprir a normativa no centro.

    Grazas pola vosa colaboración.
    Saúdos,
    A Xunta Directiva do IES do Milladoiro (“Anpamilla”)