Saltar ao contido

Comunicado da ANPA sobre a excursión de 4º da ESO

    Milladoiro, 6 de febreiro de 2024

    Comunicado da ANPA do IES de Milladoiro (“Anpamilla”) sobre a excursión de 4º da ESO

    Logo de que o pasado 24 de xaneiro, na reunión coa directiva do IES e cos titores, as familias de 4º da ESO manifestasen o seu interese e inquedanzas polo tema da excursión de fin de ciclo que se realiza tradicionalmente no centro neste nivel, a xunta directiva da ANPA do IES do Milladoiro“Anpamilla” quere compartir a seguinte información:

    • A ANPA solicitou, o pasado luns día 29 de xaneiro, ao equipo directivo que convocase unha xuntanza coas familias deste nivel para seguir tratando o tema, como seguimento á proposta feita por dirección ese mesmo día 24 de xaneiro durante as aclaracións previas ás reunións cos titores. Reiteramos a nosa petición o venres día 2 de febreiro, indicando que sería bo que se convocase antes das vacacións do Entroido. O equipo directivo confirmou a recepción da nosa petición, que está a traballar na concreción de propostas que poidan ser realizables, que o anuncio da xuntanza debe facerse con marxe e que facela antes do Entroido non é factible.

    • A ANPA defendeu dende o mes de novembro e segue a defender que o alumnado de 4º da ESO realice esta saída en condicións semellantes ás que se produciu sempre neste centro e de igualdade con promocións anteriores.

    • Logo da cancelación da proposta de viaxe inicial a Andorra no mes de novembro, alegando falta de profesorado que acompañase ao alumnado, a última proposta formulada por vicedirección nunha reunión coa ANPA celebrada o día 17 de xaneiro foi ofrecer ás familias unhas “miniestancias” no estranxeiro, unha opción cun custo de preto de 1000 EUR e que non responde ao espírito do tipo de saída que demanda o alumnado e as familias, nin é semellante en prezo nin en condicións á realizada en anos anteriores. Polo tanto, esta directiva quere informar máis polo miúdo do seguinte:

      • A excursión de fin de ciclo de 4ª ESO non está incluída no Plan de actividades extraescolares e complementarias organizadas polos diferentes departamentos, aprobado na Planificación Xeral Anual (PXA) do curso 23/24, o que significa que non hai ningún departamento que propuxera a súa organización.

      • Con todo, o Protocolo de actividades extraescolares, aprobado na PXA 23/24, si contempla esta saída dentro do apartado sobre “PROCEDEMENTO DE ORGANIZACIÓN DAS VIAXES OU SAÍDAS CULTURAIS DE FIN DE CURSO”, que inclúe os dous puntos seguintes:

        • Terá prioridade e será única a viaxe cultural de fin de etapa de 4º ESO que se organizará de xeito centralizado

        • Para a viaxe cultural de fin de etapa de 4º ESO terase en conta a(s) proposta(s) de saída de varios días realizada(s) desde os departamentos. En caso de non habela ou de non considerarse adecuada a esa finalidade, terá prioridade de e será única a organizada de xeito centralizado desde a Vicedirección”.

      • Asemade, o devandito protocolo tamén inclúe os requisitos e prazos de organización para as saídas do centro de máis de 1 día de duración:

        • a. As actividades ou saídas de máis de 1 día de duración deberán ser ofertadas a todo o alumnado dun mesmo curso, independentemente da(s) materia(s) na(s) que estean matriculados, polo que se así fose preciso terán un carácter multidisciplinar e deberán abranguer contidos das programacións didácticas das diversas materias implicadas (polo que, se fose necesario, requirirá para a súa planificación e realización a coordinación entre profesorado de distintos departamentos).

        • b. A realización de calquera destas actividades requirirá unha inscrición mínima do 30% do alumnado do curso ao que se lle oferta a actividade (aínda que o obxectivo debe ser que participe o 100% do alumnado, polo que a oferta de prazas debe abranguer a todo o alumnado).

        • c. Non se poderá realizar máis de 1 actividade ou saída de varios días de duración por ano académico e curso (nivel), independentemente do(s) departamento(s) que a organice(n). En caso de haber varias propostas de diferentes departamentos estes deberán coordinarse entre si para unificalas.”

      • Por último, o Decreto 324/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, indica no seu artigo 67, sobre o “desenvolvemento das actividades extraescolares que se realicen fóra da localidade onde está situado o centro”, que deberán cumprirse os seguintes requisitos:

        • a) Aprobación do Consello Escolar.

        • c) “Os alumnos serán acompañados polo profesorado correspondente na proporción dun profesor por cada vinte alumnos”.

    Destacar neste apartado que a ANPA consultara en reunións previas coa dirección a posibilidade de que o alumnado fose acompañado por monitores. A resposta do equipo directivo foi que inspección esixía o cumprimento do punto c) sobre a proporción de profesorado por alumno.

    Con todo, aquelas familias que teñan consultas ou dúbidas que queiran manifestar, estean asociadas ou non á ANPA, poden envialas ao noso enderezo electrónico. Trataremos de responder coa información que temos.

    Saúdos,

    A XUNTA DIRECTIVA DA ANPA DO IES DO MILLADOIRO