URXENTE: COMUNICADO DA ANPA
Estimadas familias:
Como sabedes, a ANPA presentou o 21 de decembro varios escritos no IES, entre outras cousas, para solicitar medidas urxentes en materia de convivencia. Sen embargo, non se tomaron medidas eficaces por parte do equipo directivo, o que xerou unha situación desfavorable para o alumnado.
Nas últimas semanas, esta ANPA tivo coñecemento de prácticas como a realización de interrogatorios a menores sen a autorización previa dos seus proxenitores ou titores, co obxectivo de solicitar información. Isto contravén claramente a normativa vixente. O Decreto 8/2015 en materia de convivencia, artigo 37, punto 4. “[a]s citacións ás alumnas ou aos alumnos ou, se fosen menores de idade non emancipadas/os, tamén ás persoas proxenitoras ou representantes legais delas/es, realizaranse por calquera medio de comunicación inmediata que permita deixar constancia fidedigna de terse realizado e da súa data”.
Esta pasada semana presentáronse nun grupo de segundo responsables do centro para convidar á presentación de queixas por parte do alumnado ante o director, sen que os seus proxenitores fosen informados. O problema é que os menores consideran isto como unha práctica regular e algúns nin sequera o contaron na casa. Por iso, recomendamos ás familias que investiguen se os seus fillos/as súas fillas foron interrogados/as e, de ser así, que o manifesten. Toda testemuña obtida deste xeito é irregular e, por tanto, nula. Esta práctica desacredita ademais o labor docente.
Como as familias sabemos ben, esta permisividade xerou unha sensación de impunidade que está a provocar unha perda de tempo lectivo mentres se trata de manter a orde, sen conseguilo.
O obxectivo da ANPA é poñer en coñecemento das familias esta situación ante a que imos adoptar medidas, respecto das cales queremos pedir o seu respaldo e apoio.
A Xunta Directiva da ANPA do IES do Milladoiro (“Anpamilla”)