Estimadas familias:
Grazas por agardar con paciencia polo noso comunicado.
Como sabedes, o día 19 de marzo tivemos unha reunión na Oficina do Inspección Educativa de Santiago. Estiveron presentes varios membros da dirección do IES do Milladoiro, o inspector responsable do noso centro e o Xefe Territorial de Inspección, máis cinco persoas da directiva desta ANPA.
O principal tema que tratamos foi a xestión da convivencia. Expuxemos polo miúdo as demandas e inquedanzas das familias por unhas necesidades que son as mesmas que ten calquera outro centro de educación secundaria de Galicia (como recoñeceu Inspección), aínda que no noso IES non fixeron máis que aumentar dende o inicio de curso sen que se atoparan medidas axeitadas para atendelas. Logo de escoitarnos, o Xefe Territorial propuxo a realización dunha auditoría do IES, que comezará á volta de Semana Santa. Esta medida supón que un equipo do servizo de inspección supervisará, avaliará e analizará TODOS os aspectos relacionados co funcionamento do centro e os axentes que o integran.
En concreto, comentamos que estábamos alí para atopar solucións a nivel da Xefatura Territorial ante a falta de accións. Reiteramos, como xa tiñamos feito en reunións coa dirección do centro, que era necesario mellorar a comunicación coas familias, facer unha axeitada xestión das gardas para un meirande benestar do alumnado, reforzar as dinámicas de convivencia de eficacia probada no centro (como a colaboración con IGAXES e AGARESO e a reactivación decidida de iniciativas eficaces de A REDE do Milladoiro que se interromperon coa pandemia), que se actuase de xeito rápido e dilixente cando xurdiran necesidades de convivencia, se adecuase a labor do departamento de orientación e se buscasen alternativas ás expulsións como medida correctora, procurando a sinatura de convenios con algunhas ONG do Milladoiro para a prestación de servizos cívicos. A medio prazo, tamén se falou da posibilidade de introducir unha FP básica no centro, que xa fora proposta por diversos membros da comunidade educativa hai tempo.
Asemade, expuxemos unha serie de obstáculos atopados ata o de agora no funcionamento do Consello Escolar e pedimos que se corrixiran para unha axeitada participación dos representantes das familias neste órgano colexiado de importancia fundamental. Tamén comentamos a necesidade de reforzar o departamento de orientación, con máis persoal se fora necesario, dada a súa importancia na xestión da convivencia, a orientación académica e profesional e a atención a alumnado con necesidades especiais.
Por último, pedimos medidas para o bo aproveitamento dos recursos e programas dos que xa dispón o centro como os vencellados á Sección Bilingüe (“miniestancias”) e o cumprimento da programación xeral anual, en particular das actividades extraescolares e complementarias e das saídas didácticas en todos os niveis entre outras cousas.
A ANPA deixou moi claro que, tendo en conta que só queda un trimestre de curso, as familias queren ver resultados tanxibles canto antes, polo que seguiremos de cerca o proceso de auditoría e, segundo vexamos ou non resultados, valoraremos se é necesaria algunha acción colectiva adicional para conseguir no IES o clima educativo que esixen as familias.
Un saúdo,
A Xunta Directiva da ANPA do IES do Milladoiro (“Anpamilla”)