Milladoiro, 5 de abril de 2024
Comunicado da ANPA do IES de Milladoiro (“Anpamilla”) sobre as probas de acreditación de competencia lingüística en linguas estranxeiras.
Logo de que o pasado 26 de xaneiro, data da última asemblea xeral, as familias manifestasen o seu interese e inquedanzas pola dotación económica outorgada ao IES do Milladoiro, a xunta directiva quere compartir a seguinte información.
A directiva solicitou unha reunión cos diferentes departamentos de linguas estranxeiras para obter información sobre a súa xestión e o número de solicitudes presentadas ao centro e estudou a información incluída no portal educativo www.edu.xunta.gal/portal/node/41160.
A convocatoria foi publicada o 4 de outubro de 2023, mediante a “Resolución do 29 de setembro de 2023, pola que se regula a xestión de probas de acreditación de competencia lingüística en linguas estranxeiras para o alumnado que curse estudos en centros públicos no curso 2023/24”. Destacamos os seguintes apartados:
-
-
Esta resolución ten por obxecto o financiamento das probas de certificación en lingua estranxeira, por un importe máximo de 400.000,00 €, a repartir entre todos os centros educativos solicitantes.
-
A dotación outorgada a cada centro será de será de 100 € por alumno/a e proba.
-
As probas están destinadas ao alumnado de bacharelato, ciclos de formación profesional e alumnado de 4º de ESO, tendo preferencia aquel que curse ensinanzas nunha etapa plurilingüe.
-
A organización e xestión das probas é competencia exclusiva do centro educativo, que deberá seleccionar o alumnado candidato ás probas, o nivel da proba ao que se presenta e as institucións ou empresas certificadoras. Non será competencia das familias nin do alumnado a selección das ditas empresas certificadoras.
-
O alumnado, previa orientación do profesorado de lingua estranxeira, poderá decidir a proba á que se presenta e coñecerá con antelación as características da mesma.
-
Cada membro do alumnado poderá matricularse nunha única proba dunha lingua estranxeira que será, preferentemente, a que curse como primeira lingua estranxeira.
-
O alumnado candidato deberá presentar por escrito un compromiso individual de aceptación para presentarse ás probas, asinado polo alumno/a ou familia. Dito compromiso será custodiado no centro, non tendo que ser remitido á Consellería por ningunha vía.
-
A persoa responsable da dirección do centro, ou persoa autorizada, terá o permiso de creación e presentación da solicitude, na que se farán constar os datos de identificación do centro e da persoa directora, así como o número de alumnado candidato ás probas, o curso no que está matriculado o alumnado e a etapa á que pertence, ademais de indicar se o centro é plurilingüe ou non.
-
O prazo de solicitudes remataba o 6 de novembro.
-
O 29 de novembro publicouse a proposta de resolución provisional, cun prazo de 5 días para que as persoas interesadas puidesen efectuar alegacións en contra ou ben presentar renuncias ante a comisión de valoración.
Con data 27 de decembro, publicouse a resolución definitiva dos centros beneficiarios das axudas, coa dotación económica outorgada a cada un, atendendo á seguinte orde de selección establecida:
-
-
Centros con alumnado de 2º curso de bacharelato que curse o programa PluriBach.
-
De sobrar remanente, distribuirase entre os centros con alumnado de 2º curso dun ciclo PluriFP.
-
De sobrar remanente, entre os centros con alumnado de 4º da ESO da etapa ESO plurilingüe.
-
De sobrar remanente, entre os centros con alumnado de 1º de bacharelato que curse PluriBach.
-
De sobrar remanente, entre os centros con alumnado de 1º curso dun ciclo PluriFP.
-
De sobrar remanente, entre os centros con alumnado de 2º de bacharelato, non pertencente á etapa plurilingüe.
-
De sobrar remanente, entre os centros con alumnado de 2º curso dun ciclo de FP, non pertencente á etapa plurilingüe.
-
De sobrar remanente, entre os centros con alumnado de 4º da ESO, non pertencente á etapa plurilingüe.
-
De sobrar remanente, entre os centros con alumnado de 1º de bacharelato, non pertencente á etapa plurilingüe.
-
De sobrar remanente, entre os centros con alumnado de 1º curso dun ciclo de FP non pertencente á etapa plurilingüe.
-
A distribución do remanente entre os centros solicitantes, na última das categorías anteriores ata esgotar o crédito dispoñible, farase de forma proporcional tendo en conta para as solicitudes presentadas nesa categoría o número total e o número das presentadas por cada centro.
-
No Anexo I, obsérvase que a repartición da dotación económica total, prevista na convocatoria ata 400.000,00€, só chega ata o alumnado de 2º curso de bacharelato non pertencente á etapa plurilingüe. Por tanto, as solicitudes do alumnado de 4º de ESO non pertencente á etapa plurilingüe e do alumnado de 1º de bacharelato non pertencente á etapa plurilingüe non foron cubertas tampouco noutros centros de Galicia.
Se a dotación económica outorgada ao centro beneficiario na resolución definitiva resultase insuficiente para cubrir todas as demandas do alumnado interesado, os centros educativos deberán establecer os criterios de selección do alumnado aspirante ás probas que consideren máis oportunos.
Estes criterios, dos que se informará ao claustro e que se aprobarán no consello escolar, serán transparentes, públicos e obxectivos. Unha vez realizada a selección en acto público, levantarase acta da mesma e custodiarase no centro educativo.
A directiva do Anpa, logo de reunirse co departamento de inglés, ten coñecemento de que houbo 10 solicitudes en segundo de bacharelato (9 para alumnado de inglés e 1 para alumnado de francés). Por tanto, a asignación recibida no presente curso é insuficiente para cubrir a demanda e o Consello Escolar foi o que decidiu na sesión do 4 de marzo os criterios para o reparto. A CCP (que é un órgano formado por membros do claustro) decidiu levar ao Consello Escolar a proposta de asignar a 7 membros do alumnado as axudas de xeito directo porque non tiñan ningunha acreditación previa, descartar a solicitude para francés polo criterio que da preferencia do alumnado que ten a lingua da acreditación como primeira lingua e que as outras dúas solicitudes se repartisen segundo a orde de rexistro da solicitude. No CE, modifícase este último criterio para que o reparto entre esas dúas persoas se realizase por sorteo, e así queda aprobado.
A XUNTA DIRECTIVA DA ANPA DO IES DO MILLADOIRO